Mestres de obras ourensans do s-XX

por Xosé González Paz e Fernando González Suárez

Ourense é unha cidade que aínda conserva unha paisaxe urbana singular que a distingue doutras poboacións de parecidas características. Estas obedecen, ao noso xuízo, a dúas circunstancias que debemos destacar; en primeiro termo, a seu admirable casco antigo, declarado conxunto histórico-artístico en 1975 no que se conservan elementos medievais, como as columnas da igrexa de Santa María do período suevo, a propia catedral de San Martiño, edificada na segunda metade do século XII ou o antigo Pazo Bispal, hoxe Museo Arqueolóxico, tamén da mesma centuria, que lle dan certamente un carácter distinguido, senón tamén outros monumentos posteriores que van do XVI ao XVIII que pese ao mal gusto de diversas épocas, ou a ambición desmedida de outras e a incuria de case todas, aínda hoxe se conserva para dar testemuña de tempos pasados.

En segundo termo debemos sinalar que Ourense posúe un conxunto moi harmónico de edificacións de indubidable aspecto señorial aos que a pedra de grao, labrada en excelentes perpiaños, lle da unha nota de alta distinción, de rigor construtivo, de testemuño histórico, que aínda hoxe, é admiración para calquera que teña un mínimo de sensibilidade ante a beleza artística. A  maioría de estas construcións corresponde ao derradeiro terzo do XIX e a primeira metade do XX, e dos mestres de obras que interviñeron na edificación é dos que imos a centrar estas notas redactadas co maior cariño por razóns de simpatía, de xustiza e de propia colaboración, sen máis pretensións que render xusto homenaxe a aqueles homes que axudaron a realizar a nosa cidade, valéndonos das propias vivencias e lembranzas, que é moito menos do que eles se merecen.

Un dos primeiros mestres máis destacados foi o ourensán, don Manuel Amor Fernández, ao que tratamos nos  anos mozos, persoa de grande cultura e de mellor consello, que gustaba de ensinar o oficio en tódalas súas obras aos seus obreiros, non tolerando que as cousas foran nin mal feitas nin con mal gusto, como inimigo que era das “chapuzas”. Tódalas súa obras, tanto en cantería como en carpintería –seu auténtico oficio- son dunha grande calidade artística que hoxe aínda se poden admirar. Destacariamos, entre as máis logradas, a Casa de Simeón García, un dos edificios máis admirables da nosa cidade de Ourense, situado na rúa do Progreso.

É curioso que o edificio se parou no segundo andar como consecuencia dunha folga da construción do ano 1887, deixándose de edificar outra altura, co cal a Casa quedou nos seus xustos termos. ¡Que mágoa que non sucedera o mesmo con outros edificios derramados polos especuladores e os axiotistas!

Outro edificio en que interveu o mestre Amor foi na Casa de Ramón Builla, na rúa do Paseo, hoxe propiedade da Caixa de Aforros Provincial[1] do maís puro estilo ecléctico. Tamén o mesmo mestre Amor realizou a Casa onde se aloxa o Goberno Militar[2], construído para Residencia de Sacerdotes anciáns, patrocinada a obra polo señor bispo, monseñor Carrascosa, que quedou sen rematar a falta dun segundo andar, que tamén consideramos un acerto; está situada na rúa do Paseo. Se puxo a primeira pedra durante unhas Festas de Corpus. Tamén interveu na Casa de dona Anxelita Varela, na rúa de Santo Domingo esquina coa de Alba, que ten unha gran escaleira de magnífica carpintería. Reformou con grande acerto, o Pazo do Marqués de Valladares na praza de San Cosme, por encargo do seu dono, o comerciante señor Monter; e na provincia en varias casas do Carballiño, como por exemplo na de Don Perfectino Vieite

Outro mestre construtor de feliz recordo foi o pontevedrés, don Benito Vidal, afincado en Ourense con taller de carpintería na rúa de Alba[3]. Seu fillo Pedro Vidal, tamén dedicado á construción, fixo algunhas casas de excelente factura, e o seu neto, Manuel Vidal, un dos poucos artesán que quedan dedicado á madeira[4], moi de agradecer nestes tempos dos aglomerados ou prefabricados. Tamén nesta mesma rúa tivo taller Dionisio Chamadoira, natural de Pontevedra.

Outros dous mestres asociados dedicados á construción desde o ano 1909, foron don Secundino Couto Solla, natural da localidade pontevedresa de Mourente, e don Uxío Lorenzo, tamén pontevedrés de Mourente. Ambos establecéronse en Ourense, onde viven aínda os seus descendentes, algún deles dedicado tamén á construción. A súa primeira obra notable foi a Casa de estilo modernista do comerciante Fermín García, sita na Praza Maior, de data 1909. Despois construíron o edificio do Hotel Miño na rúa do Paseo, e finalmente tamén son os construtores do edificio do comerciante Alfonso Junquera, na rúa de Pontevedra, hoxe edificio principal de Caixa Ourense[5]. É este un dos edificios mellor logrado de estilo modernista do arquitecto don Daniel Vázquez Gulías. No seu interior destaca con luz propia unha escaleira de madeira verdadeiramente exemplar.

O mestre Couto Solla trasladou as súa instalacións a Ponte. Traballou na obra da Praza de Abastos e en outros edificios, e por este tempo levou a cabo o remate do Claustro do Colexio do Cardenal de Monforte de Lemos, obra que non se diferenza do que xa estaba feito por o mestre montañés do século XVII, Simón de Monasterio.

Dous excelentes mestres de cantería foron Serafín Martínez e Xosé Pintos, naturais de Ponte Caldelas (Pontevedra), que fixeron a igrexa de Sabucedo de Montes, a de Santiago das Caldas –unha das derradeiras igrexas de bo gusto, e non un garaxe como tantas de agora- e a excelente igrexa neogótica do Santo Anxo, situada no Couto, da fundación Temes-Santamarina; os autores da cantería de esta última foron dous bos artesáns: Sergio Caride, natural de Parada de Amoeiro e Xesús Vidal de Pontevedra. O señor Martínez, citado anteriormente, é o autor da cantería da Casa de D.Olegario Muñíz, na rúa do Paseo, e da carpintería, un dos autores destas notas.

A labra de brasóns, capiteis, gárgolas e o resto da ornamentación abundante das obras da igrexa e asilo do citado Santo Anxo son da man dun canteiro escultor pontevedrés chamado Cabanelas, artista de grande sensibilidade e sinxeleza. Tampouco quixera esquecerme de que o mestre Xesús Vidal foi o autor da excelente cantería dunha casa na Praza do Trigo ou da Fontenova, que loce excelentes adornos modernistas[6], que dialoga con grande dignidade co lugar en que se sitúa nas proximidades do Patín da Catedral auriense.

Outro magnífico edificio de nobre construción é a Casa do comerciante Felipe Santiago na rúa do Paseo de data 1910. É obra de catro mestres asociados: Xosé Magán e Xosé Garrido, canteiros de Pontevedra, e Fernando González e Segundo Fernández, carpinteiros ourensáns. Nesta obra comezou seu oficio un dos autores de este artigo, ao lado do seu pai, Fernando González, cando todo se traballaba manualmente e sen ferramentas mecánicas.

Estes mesmos mestres son os autores do desaparecido Hotel Roma[7] na rúa do Progreso que tiña unha escaleira admirable, de grande nobreza e calidade.

Outro bo mestre foi Joaquín Suárez que fixo a casa do Hotel Barcelona, o edificio da farmacia Román e Saco, situadas ambas na Praza do Bispo Cesáreo, as casas dos almacenistas de ferros e ferraxería dos señores Aguirre, na rúa denominada estrada de Trives; foi un dos mestres que máis traballou en Ourense en esta época.

Uxío Lorenzo, do que xa dimos conta máis arriba asociado con Couto Solla, traballando independentemente, fixo a Casa dos almacéns Romero, a Casa vivenda de Don Narciso Rivas, na rúa Lamas Carvajal, e o grupo de casas do señor Vázquez-Garaxe Chevrolet, na rúa Manuel Pereira; tamén a vivenda da familia Anta na rúa do Progreso, ademais de casas en Verín, por so citar as mais nomeadas. Tivo tamén taller de carpintería e almacén de madeiras.

O mestre canteiro Vicente Rodríguez, natural de Tomeza (Pontevedra) e afincado en Ourense, foi un canteiro excelente, autor da cantería da Praza de Abastos da cidade, da casa don José Martínez na rúa do Paseo nº13, e da de don Marcial Vázquez Crespo na rúa Cardenal Quevedo, unha das mellores construcións do arquitecto don Antonio Alex.

Outro construtor en cantería, José Caramés, pontevedrés aínda que desde moi novo reside en Ourense, é o autor da excelente cantería do Goberno Civil[8], da casa de Santiago Vázquez na rúa Cardenal Quevedo e dun chalet na rúa Capitán Cortés denominado “Obra Sindical 18 de Julio”[9].

Un dos mestres máis recordados no gremio da cantería foi Severino López que tiña o alcume de O Roxo, autor da cantería da Casa Simeón, exemplo suficiente para acreditalo como un auténtico mestre. Seu irmán José López, tamén canteiro, fixo a capela das Carmelitas na Praza do Corrixidor e outras; tivo na rúa de Santo Domingo un taller de mármores.

Dos mestres carpinteiros que nos lembramos destacariamos a Ricardo Morenza, con taller na rúa dos Fornos; foi autor dalgúns retablos para igrexas ourensáns, na carpintaría do Concello da que cabe destacar a escaleira de acceso ao primeiro andar, que aínda tendo en conta que sufriu reformas conserva a traza primitiva.

Outro edificio lamentablemente desaparecido hai poucos anos era a Casa do comerciante Prada, na esquina da rúa do Paseo coa Praza de Uxío Montes, edificio de baixo e dous andares con unha fermosa rotonda, con miradoiro de ferro. Toda a obra de carpintería é da autoría de Vicente Paula, carpinteiro con taller na Praza do Eirociño. Tamén outro edificio desaparecido era o chalet de don Carlos Taboada, sito na rúa do Progreso esquina a de García Mosquera, cuxo autor foi un mestre da cantería chamado Narciso Meixueiro.

Outro mestre carpinteiro con taller na rúa de San Miguel era o señor Bacelar, pontevedrés, autor da carpintería do xa citado edificio do Goberno Militar que ten unha fermosa escaleira toda de madeira.

Lembramos tamén a Francisco Trabazo, pontevedrés, avó do recordado amigo, escritor e artista, Luis V.Trabazo; o señor Trabazo tiña unha sólida formación xa que logo aprendeu arquitectura sen terminar os estudos; é autor da casa dos señores Espada rúa Cardenal Quiroga, e de outras na rúa do Progreso e na denominada Estrada de Trives da súa propiedade, hoxe desaparecida.

Outro gran mestre de cantería foi o señor Constante, natural de Ponte Caldelas, construtor de grande prestixio dedicado a obras públicas; estivo ao fronte das obras de cantería da Ponte Nova, e tamén fixo a ponte de Belesar na estrada de Chantada a Monforte.

Outros dous mestres dedicados á construción foron Antonio López asociado con Antonio Canabal, que fixeron a casa de Calvo na rúa do Paseo no ano 1918, e dez anos despois efectuaron o traslado da igrexa de San Francisco desde a súa situación na cima da cidade ao Campo de San Lázaro, sendo o mestre canteiro Manuel Seoane, dirixida toda a operación polo arquitecto don Manuel Conde Fidalgo. O mestre Manuel Seoane foi o autor da obra de cantería do Hotel Parque.

Entre os talleres de carpintería máis notables de Ourense figuraba o do señor Canabal que estaba situado nos baixos da catedral; fixo varias obras na mesma e no pobo da Almuzara, concello de Boborás, construíu un palacete do comerciante e excelente ourive, don Perfectino Vieitez. Tamén tivo taller de carpintería e traballou en diversas construcións, Enríque Fernández, avó do admirable pintor Virxilio Fernández.

Cando no ano 1927 ardeu o Instituto do Posío e destruíu máis da metade do edificio, aínda que na reconstrución se utilizou material de ferro e ladrillo, toda a carpintería de solos, cubertas, portas e fiestras as fixo un dos autores de estas notas no seu taller de carpintería, servíndolle de modelo as pezas que quedaron sen queimar que eran e son de moi boa carpintería.

Remato para indicar que estas notas alcanzan ata os anos corenta do século XX, e desde entonces foron realizadas excelentes construcións tanto en cantería como en carpintería, por iso mesmo queda aberto o camiño para que outros as completen.


[1] Hoxe pertence a Caixanova.

[2] Hoxe Delegación do Ministerio de Defensa. Polos anos vinte aloxou ao Colexio dos Maristas.

[3] Hoxe Cardenal Quiroga.

[4] O artigo está asinado no ano 1983.

[5] Actualmente Caixanova.

[6]  Foi recuperada interiormente para ubicar a Tenencia de Alcaldía.

[7] Derrobuse para construir un adefesio de edificio no ano 1960. Ese Hotel Roma era un símbolo da cidade. No seu Café mantíñanse tertulias famosas nas que asistían, Vicente Risco, Otero Pedrayo, etc.

[8] Actualmente Subdelegación do Goberno despois de que lle cambiaron o escudo primitivo.

[9] Actualmente consultorio do SERGAS.

Advertisements

One comment

  1. Hola, que buena recopilación histórica de artistas, soy descendiente de uno de ellos, Enrique Fernández , creíamos en la familia que había trabajado en la cantería del Edificio Simeon, pero parece que no lo contemplas en este estudio , donde se pueden encontrar datos para ver el trabajo que hizo ? También tengo un bisabuelo Cabanelas, el abuelo materno del pintor Virxilio, que fue a Moreiras a construir una fuente desde Cotobade (Pontevedra) y allí se casó , puede ser el escultor cantero que labró los blasones y capiteles del santo Anxo? Gracias

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: